Autor: compasses-usc

  • Cómo contribúen as economías locais relacionadas co castaño á conservación da biodiversidade nas montañas de O Courel?

    [Reproducimos aquí, con algunhas edicións, a entrada inicial do blog do grupo de investigación COMPASSES, publicada noutra plataforma o •11 de febreiro de 2025]

    Vense de publicar pola editorial Springer hai uns días en aberto o libro Business and Biodiversity: Reciprocal Connections in the Context of Socio-Ecological Production Landscapes and Seascapes (SEPLS) [Negocios e biodiversidade: conexións recíprocas no contexto de paisaxes e mariñas produtivas socio-ecolóxicas (SEPLS)], editado por Maiko Nishi, Suneetha M. Subramanian e Philip Varghese, da International Partnership for the Satoyama Initiative (IPSI) e a United Nations UniversityInstitute for Advanced Study of Sustainability (UNU-IAS). No mesmo, procurase mellorar a comprensión das implicacións das decisións e prácticas económicas sobre os SEPLS e, á inversa, da influencia dos SEPLS nas actividades económicas. Para iso, analízanse evidencias recollidas por socios da International Partnership for the Satoyama Initiative (IPSI), entre os cales atópase o noso centro, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

    Portada do Volume 9 correspondente coa serie «Satoyama Initiative Thematic Review»

    Así, o volume, que fai o número 9 na colección «Satoyama Initiative Thematic Review«, trata de abordar cuestións como:

    ·         Que beneficios dos SEPLS teñen impacto directo ou indirecto nas actividades económicas baseadas en recursos naturais?

    ·         Como afectan as empresas ós SEPLS, positiva ou negativamente? Como se poden medir estes efectos?

    ·         Que iniciativas existen para mitigar os impactos económicos negativos nos SEPLS e fomentar modelos sostibles? Como colaboran os diferentes actores para xestionar estes impactos?

    ·         Como contribúe o coñecemento tradicional e a diversidade cultural a decisións empresariais sostibles e socialmente responsables?

    Fragmento do capítulo, que mostra unha figura coa superposición entre os usos do solo en Folgoso do Courel e a extensión queimada nos lumes forestais de 2022.

    Para facelo profundouse a través dun conxunto de 12 estudos de caso de 11 países diferentes. Entre eles atópase a nosa contribución, titulada: Chestnut Production-Related Businesses in the Courel Mountains of Galicia, NW Spain: An Opportunity for Biodiversity Conservation, Ecosystem Restoration, and Rural Development [Negocios relacionados coa produción de castaña nas montañas do Courel, en Galicia, NO de España: Unha oportunidade para a conservación da biodiversidade, a restauración dos ecosistemas, e o desenvolvemento rural]. Froito da colaboración entre COMPASSES e os grupos de investigación da USC ECOAGRASOC, e BIO-APLIC, a Escola Politécnica de Mieres da Universidade de Oviedo, e o Instituto Interuniversitario de Investigación del Sistema Tierra en Andalucía (IISTA), e coa inestimable colaboración de empresas como Caurelor ou Delicias do Souto, e da IXP Castaña de Galicia, o capítulo analiza o papel da actividade económica relacionada coa produción de castaña nas Montañas de O Courel (Galicia, España).

    Fragmento do capítulo, cunha figura que esquematiza os elementos e as interacións complexas nas paisaxes produtivas socio-ecolóxicas do castaño en Folgoso do Caurel

    Fragmento do capítulo, cunha figura que esquematiza os elementos e as interacións complexas nas paisaxes produtivas socio-ecolóxicas do castaño en Folgoso do Caurel

    O traballo destaca o impacto positivo que ten a actividade ligada ó castaño na conservación da biodiversidade, a restauración dos ecosistemas e o desenvolvemento rural: os soutos, identificadas coma paisaxes produtivas socio-ecolóxicas (SEPLs) tradicionais, presentan unha gran diversidade biolóxica e ofrecen múltiples servizos ecosistémicos de abastecemento, regulación e culturais. O estudo examina as interaccións entre a economía local e a sustentabilidade dos soutos a través de datos estatísticos, análise territorial e casos de estudo constituídos por empresas locais. Os resultados subliñan a forte interdependencia entre ditas empresas e os ecosistemas do castaño e os desafíos que afrontan, tales como o abandono da xestión tradicional, os incendios forestais ou as pragas e enfermidades. A investigación conclúe que apoiar estas iniciativas pode favorecer a sustentabilidade e o equilibrio socioeconómico da rexión.

    O libro está a ser distribuído como “Open Access”, e pode ser obtido en formato dixital de forma íntegra na páxina de Springer:

    https://link.springer.com/book/10.1007/978-981-97-7574-3

  • Tomar decisións sobre o deseño de corredores ecolóxicos…

    [Reproducimos aquí, con algunhas edicións, a entrada inicial do blog do grupo de investigación COMPASSES, publicada noutra plataforma o •10 de abril de 2024]

    …é unha tarefa complexa que en moitos casos require unha alta calidade dos datos sobre especies de flora e fauna, e un coñecemento experto por parte das persoas implicadas na toma de decisións. Esto é especialmnte importante se se quere integrar o movemento das especies silvestres para o deseño dos corredores – é dicir, a compoñente funcional da conectividade ecolóxica.

    Malia esta complexidade, no desenvolvemento de instrumentos de planificación espacial tanto integrada como sectorial, e en diferentes ámbitos, deben adoptarse criterios de deseño para corredores ecolóxicos para os que o equipo de traballo non ten un elevado nivel de información, polo que existe unha necesidade de integrar o coñecemento xa existente con metodoloxías de análise adaptadas a sistemas de xestión específicos. Nun traballo liderado pola investigadora Rocío Losada Iglesias (LaboraTe, USC), no ámbito da súa tese de doutoramento e recentemente publicado, desenvólvese un Sistema de Axuda á Decisión Espacial (ou Spatial Decision Support System, SDSS) que pode axudar a propoñer áreas cun elevado potencial para funcionar como corredores ecolóxicos, co fin de incluir estes en instrumentos de planificación que impliquen a súa integración como elementos de Infraestrutura Verde.

    O estudo parte das asuncións previas de a) restrición de tempo e recursos; b) deseño baseado na conectividade ecolóxica entre zonas de alto interese ecolóxico (p.ex. ZEC da Rede Natura 2000); c) definición da conectividade para tipos específicos de movemento da fauna; e d) deseño no ámbito da planificación espacial (é dicir, non está orientada ó incremento do coñecemento científico de especies de flora ou fauna). Está, ademáis, desenvolvido de forma específica para Galicia, e emprega datos dispoñibles públicamente. A pesar das limitacions asociadas as restricións previamente definidas, considerase que o sistema podería servir para unha definición básica ou preliminar de corredores ecolóxicos como elementos de IV. O artigo, de acceso aberto, desenvolveuse no marco dos proxectos Inverclima e Climaplan para mellorar a planificación territorial da Infraestrutura Verde, e adaptarse así ao cambio climático. Accede á nosa sección de «Publicacións» para máis información sobre este e outros artigos da nosa rede.

  • É conservar a infraestrutura verde do Rato o auténtico progreso?

    [Reproducimos aquí, con algunhas edicións, a entrada inicial do blog do grupo de investigación COMPASSES, publicada noutra plataforma o •4 de abril de 2023 – Ver actualización á nova, e descarga de documentos asociados ó final do texto]

    Ó longo do actual debate en torno do proxecto da Rolda Leste, coma noutros debates semellantes, é raro que non saia nas conversas o sacrificio de cara ó «progreso» coma xustificación de por qué construir a obra: se queremos progresar como sociedade, non se poden facer máis consideracións para a execución de obras que as que demande a solución técnica do proxecto.

    Nesta entrada do blog é a nosa intención aportar diferentes puntos de vista non só para desvelar que non hai un argumento sólido detrás dese razonamento, senon para, de feito, darlle a volta: por que o progreso non vai consistir en non levar adinte o proxecto actual da Rolda Leste? Por qué non equiparar o progreso coa capacidade da cidadanía luguesa para acceder a espazos verdes de alta calidade ambiental, necesarios dende múltiples puntos de vista?

    Na valoración por parte da cidadanía e as administracións públicas debería ter relevancia unha cuestión de fondo, básica e fundamental, que é importante non deixar de lado: a existencia dun medio natural san e funcional accesible por parte das persoas non debe considerarse coma un artigo de luxo ou un elemento de importancia secundaria: resulta imprescindible para calquera sociedade, abarcando múltiples compoñentes sociais, económicas, e culturais, e implicando tódolos niveis (físico, mental e mesmo espiritual) dos seres humanos [1].

    Figura 1. A senda que atravesa unha carballeira, evoca tempos pasados mentras nos conduce a micromundos que nos falan de abundancia micorrícica, diversidade artrópoda e riqueza ornitolóxica, entre outras moitas cousas… polo de agora. (Fotografías de Emilio Díaz)

    Para comezar, a definición concreta de que é un medio natural san e funcional podería ser discutida extensivamente, pero definámolo aquí como un contorno o máis diverso posible en estruturas, formas, e procesos que resultasen da interacción entre diferentes formas de vida (incluída a humana); diverso, en fin, en ecosistemas, especies e xens. Hai diferentes razóns para defender esta visión: o propio valor intrínseco que teñen as múltiples formas de vida, e que induce unha resposta ética pola nosa parte para a súa preservación; a nosa propia necesidade humana de establecer unha relación co natural, de forma tanto empírica coma afectiva ou cognitiva [2]; ou a dependencia real que temos como sociedade cos servizos dos ecosistemas, para os cales a biodiversidade proporciona unha función de soporte fundamental [3]. Para aqueles non familiarizados con este concepto de servizos dos ecosistemas, convén aclarar que son aqueles bens e servizos que obtemos da natureza e que son fundamentais para o benestar da sociedade. Así, a capacidade de obter alimentos, materias primas, e enerxía; a protección fronte a erosión; a regulación térmica minimizando o efecto das bolsas de calor; a fixación do carbono, esencial na loita contra o cambio climático; a mellora na calidade das augas ou do ar; o sentido de pertenza a un lugar; os beneficios psicolóxicos do contacto co medio natural; ou o coñecemento tradicional sobre o uso do contorno, por citar uns poucos exemplos, están directamente relacionados coas estruturas e procesos naturais que acontecen nos ecosistemas, entre os que a biodiversidade ten unha importancia destacada [4].

    Nos últimos anos, o recoñecemento consciente desa necesidade, por parte da sociedade, de acceder ós diferentes servizos dos ecosistemas e os beneficios que presta a natureza ás persoas, ó mesmo tempo que se garantan niveis altos de biodiversidade que permitan contribuír á integridade ecolóxica do territorio, estase a recoñecer a nivel internacional a través do concepto técnico de infraestrutura verde. As infraestructuras verdes están a ser recoñecidas como unha necesidade a nivel das políticas territoriais na Unión Europea, para as cales ten desenvolvido unha estratexia específica [5], onde as define coma unha rede de zonas naturais e seminaturais e doutros elementos ambientais, planificada de forma estratéxica, deseñada e xestionada para a prestación dunha extensa gama de servizos ecosistémicos; que incorpora espazos verdes ou azuis (ecosistemas acuáticos); e que nos espazos terrestres, estaría formada tanto por contornos rurais coma urbanos. Esta estratexia, ademais de definir directrices ó nivel europeo, establece que os estados membros deberán desenvolver estratexias ó nivel estatal e inferiores.

    Figura 2. Superposición da cartografía da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia co mapa base vectorial de 2020 (mapas.xunta.gal). O trazado da Rolda Leste dixitalizouse sobre o mapa topográfico para a figura. Os elementos da lenda superpuxéronse collendo os da propia Estratexia (Elaboración propia a partir dos documentos e cartografía citadas. Ver referencias no texto).

    Para cumprir con esta necesidade, actualmente contamos cunha “Estrategia Nacional de Infraestructura Verde y de la Conectividad y Restauración Ecológicas [6] desenvolvida ó nivel estatal, e (logo de moitas idas e vidas) cunha “Estratexia Galega de Infraestrutura Verde e da Conectividade e Restauración Ecolóxicas” [7] en período de aprobación. Inda que nunha versión bastante máis reducida que a do estudo inicial previa a súa posta en tramitación [8], a estratexia define unha serie de elementos de infraestrutura verde identificables de forma clara na súa cartografía, e que inclúen o río Rato ó seu paso pola capital lucense (definido como corredor fluvial) e o seu entorno (definido coma zona multifuncional para a calidade de vida da poboación; ver figura 2). Inda recoñecendo que o documento da estratexia é mellorable en detalle e contido, reflicte claramente na súa representación a capacidade do patrón espacial do territorio no entorno da cidade luguesa para cumprir as funcións dunha infraestrutura verde. O proxecto da Rolda Leste, tal como se ve na figura, propón un trazado que se superpón a dous dos elementos de infraestrutura verde definidos á estratexia. Ben sexa por cuestións cronolóxicas ou doutro tipo, non se fai consideración algunha á estratexia ou os seus elementos en ningunha parte do documento, incorrendo en calquera caso nunha falta de coherencia que, desgraciadamente, resulta demasiado habitual na concorrencia das diferentes políticas públicas no territorio [9]. Para determinar o alcance de dita falta de coherencia sectorial, debemos lembrar que a normativa vixente en materia de ordenación do territorio (Lei 1/2021, de 8 de xaneiro) dedica a totalidade do seu Artigo 9 á infraestrutura verde, definíndoa como un sistema territorial básico, composto por elementos de alto valor ambiental, cultural, agrícola e paisaxístico, xunto con áreas cuxa transformación implique riscos ou custos ambientais para a comunidade, e por corredores ecolóxicos que funcionen coma conexións funcionais para os elementos anteriores – básicamente, o Paseo do Rato cumpliría claramente coa definición. Pero tamén de forma importante, establece que as determinacións da estratexia galega de infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas deberán terse en consideración nos instrumentos de ordenación do territorio; e que a infraestrutura verde é extensiva ás zonas urbanas ou urbanizables, regulando usos e aproveitamentos tanto en zonas que conten con réximes de protección específica coma en aquelas que non conten cos mesmos. E neste sentido, no caso específico das carballeiras do Rato debemos ter tamén en conta que se son de hábitats de interese comunitario (9230-Carballeiras de Quercus pyrenaica e carballeiras de Quercus robur e Quercus pyranaica do Noroeste Ibérico) incluidos na European Habitat Red List coma vulnerables (G1.8 – Acidophilous Quercus woodland) dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

    Figura 3. Exemplos dos impactos da Rolda Leste sobre a infraestrutura verde do Rato. Ver texto para detalles.

    Partindo de toda esta base, e en calquera caso, ata que punto compromete o trazado da Ronda Leste á actual infraestrutura verde da cidade? Spoiler alert: bastante. Poñeremos algúns exemplos, sen pretender facer un balance exhaustivo, esquematizados na figura 3. Nela pódese ver coma o deseño actual da Ronda Leste produce unha clara fragmentación da área de carballeiras situadas en torno ó Río Rato, aproximadamente entre San Fiz, Bosende e Barbaín [A]. A eliminación dunha parte importante do ecosistema forestal tería un efecto directo sobre valiosas especies de flora e fauna. Pero temos ademais que ter en conta que, dende un punto de vista territorial e ecolóxico, os impactos dunha infraestrutura lineal poden manifestar os seus efectos en localizacións distantes ós puntos do impacto mesmo. Deste feito, produciríase un progresivo deterioro ó longo do tempo nos remanentes de dito ecosistema [B]. Comezaría por un efecto borde: a disección da carballeira sometería o que quedara da a variacións na exposición á luz, ó vento e a outros elementos meteorolóxicos, alterando a composición e configuración das especies da zona. Seguiría un progresivo e ben estudado [10] proceso de intensificación da fragmentación, contracción e finalmente desaparición do que quedaría das carballeiras, ou polo menos da perda da súa compacidade e capacidade de conexión, que afectaría á integridade ecolóxica de toda a área. Se isto se producise, tamén tería outro tipo de efectos sobre os servizos ecosistémicos: veríanse afectados espazos que agora están a verse beneficiados pola protección a nivel climático (regulación térmica, protección contra o vento, etc.) e hidrolóxico (protección contra o escoamento e a erosión) da carballeira, tanto zonas próximas como a zona de hortas urbanas [C], coma espazos mais distantes dos núcleos rurais e zonas urbanas. Por outra parte, a execución dos taludes proxectados no pequeno val do Rego de Samai [D] terían (ademáis de un impacto estético importante) un efecto barreira para a conectividade, e ademáis outro tipo de procesos ecolóxicos [11]. Ademáis, todo isto non supón só un impacto para a flora e a fauna, senón para o acceso peonil da veciñanza local ás infraestruturas verdes e os servizos ecosistémicos asociados [E]. Existen importantes precedentes de como as infraestruturas lineais terminan exercendo de barreiras ou obstáculos para as sendas de desprazamento peonil afectando especialmente a veciños e comunidades locais, que se sinten privados do acceso a infraestruturas verdes consideradas por eles como fundamentais [12]. No caso específico do Rato, estas sendas integrarían ademáis elementos de elevado valor patrimonial, como é o caso da vía Künig. Finalmente, pero de forma moi importante, o impacto prodúcese nunha das zonas máis vulnerables para a conexión da rede de infraestruturas verdes da cidade de Lugo [F]. Na planificación ecolóxica da paisaxe, a necesidade de establecer medidas e aplicar deseños para a protección de puntos estratéxicos nas redes ecolóxicas é prácticamente un mantra: non só importa que está, senón tamén onde está, e como conecta con que [13]. A ameaza da degradación asociada á construcción da Rolda Leste prodúcese precisamente nun punto de conexión estratéxico entre o río Rato e o Miño, condicionando non só a conexión para a poboación peonil, e a conectividade para moitos procesos ecolóxicos.

    A execución do proxecto da Rolda Leste co seu deseño actual danaría irreversiblemente unha das infraestruturas verdes fundamentais para a cidade de Lugo, e limitaría en grande medida as posibilidades futuras de mellora ambiental a través deste tipo de infraestruturas no contorno da cidade. A cidadanía e os poderes públicos deberán plantexarse se unha cidade como a nosa pode prescindir, para o seu progreso, dunha área esencial para a saúde das persoas, o servizos que a natureza dá á nosa sociedade, e a integridade dos ecosistemas periurbanos [14]. Fronte a esto, a necesidade dunha infraestrutura viaria ‘gris’ pode decidirse a través de moitas máis alternativas posibles, se se adoptan criterios serios de gobernanza territorial na toma de decisións. Non facelo neste caso específico sería pouco xustificable e moi decepcionante.

    Actualización: O 13 de abril de 2023 presentamos unha alegación ó proxecto, baseada fundamentalmente en a) a falta de actualización do proxecto a normativa ambiental vixente; b) a súa incompatibilidade coa (entón en exposición pública) Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia; c) os déficits no tratamento ambiental do proxecto; e d) a falta de aliñamento cos compromisos adquiridos con normativas internacionais. O documento completo pode verse aquí:

    Ante o grande número de alegacións e informes recibidos en contra da realización do proxecto, a Axencia Galega de Infraestruturas publicou unha resolución con data 14 de maio de 2024, pola que quedaba sen efecto a información pública do proxecto, sometendo ó proxecto a un novo proceso de avaliación de impacto ambiental.

    Notas:

    [1] En realidade, non é preciso un elevado nivel de abstracción para comprendelo. Para unha versión curta, a aqueles que viven na cidade simplemente invítolles a que lembren o primeiro día no que abandonaron o confinamento para saír… a onde? Só unha pregunta: canta superficie dese lugar facía a fotosíntese? Ahá!

    [2] Sobre as diferentes formas nas que os humanos precisamos conectar coa natureza, a razón e situacións nas que estas formas varían, e a importancia fundamental das mesmas, ver o recente traballo de Soga & Gaston, 2023

    [3] Lonxe de querer reproducir aquí un debate entre o ecocéntrico e o antropocéntrico, pretenderíamos máis ben reivindicar a necesidade da integración de ambos, xunto con perspectivas pluricéntricas, é dicir, abertas a unha pluralidade de valores tanto intrínsecos, como relacionais ou instrumentais. Para profundizar neste interesante tema, ver este documento e este informe do IPBES (Plataforma Intergubernamental para a Biodiversidade e os Servizos dos Ecosistemas de Nacións Unidas), e os interesantes traballos de Chan et al., (2016), Piccolo (2017) e Arias-Arévalo et al. (2017).

    [4] Un bo recurso para comenzar a orientarse no amplo mundo dos servizos dos ecosistemas é a web da “Evaluación de los Ecosistemas del Milenio de Españahttp://www.ecomilenio.es/. Para a relación entre biodiversidade, funcións e servicios dos ecosistemas ver Cardinale et al., 2012, e Harrison et al., 2014.

    [5] De feito, xa en 2011 na “Estrategia de la UE sobre la biodiversidad hasta 2020: nuestro seguro de vida y capital natural[COM (2011) 244 final] faise referencia como un dos seus obxectivos específicos que os ecosistemas e os seus servizos foran mantidos e mellorados a través do establecemento de infraestruturas verdes. Para cumprir ese obxectivo, a UE publica o seu documento estratéxico “Infraestructura verde: mejora del capital natural de Europa[COM (2013) 249 final].

    [6] Aprobada a través da “Orden PCM/735/2021, de 9 de julio, por la que se aprueba la Estrategia Nacional de Infraestructura Verde y de la Conectividad y Restauración Ecológicas”. Ver aquí.

    [7] O documento do “Proxecto de orde pola que se aproba a Estratexia galega da infraestrutura verde e da conectividade e restauración ecolóxicas” actualmente está en proceso de aprobación, logo de pasar a fase de exposición pública. Inclúe a cartografía á que se fai referencia no texto, e está dispoñible aquí.

    ACTUALIZACIÓN: a estratexia foi aprobada finalmente como «Estratexia Galega da Infraestrutura Verde e da Conectividade e Restauración Ecolóxicas». Ver ligazón á Orde de 4 de outubro de 2024, publicada no DOG do luns, 10 de febreiro de 2025 pola que se aproba.

    [8] O documento do proxecto de orde antes mencionado é bastante sintético, e non recolle moitos dos esforzos desenvolvidos para avaliar a capacidade do territorio galego para a provisión de servizos ecosistémicos, o deseño dos propios elementos de infraestrutura verde, ou a suxestión de solucións para a súa integración socioeconómica. Ver por exemplo os traballos de García et al. (2020) ou o de Díaz-Varela et al., 2019

    [9] Desgraciadamente, xa que a “coherencia sectorial”, é dicir, a capacidade dos diferentes sectores e niveis representados nas administracións públicas para actuar de forma coordinada ante os problemas que plantexa a ordenación territorial, é recoñecida como un dos requisitos precisos para unha boa gobernanza. Ver por exemplo o traballo de Farinós-Dasí (2008) ou a comunicación da Comisión Europea “La gobernanza europea – Un Libro Blanco” [COM (2001) 428 final].

    [10] Ver por exemplo os traballos de Forman (1995), Jaeger (2000) ou Bogaert et al. (2004)

    [11] É certo que o proxecto estima a execución dunha serie de pasos para fauna, o que resulta un avance; pero non se debe confundir a conectividade asociada á función ecolóxica dun elemento territorial (en termos cualitativos), con exclusivamente a capacidade de superar o obstáculo por parte da fauna (inda que funcione en termos cuantitativos).

    [12] Dende hai uns anos vimos colaborando coa Asociación Veciñal de Chapela (Redondela, Pontevedra) co fin de analizar as posibilidades de mellora das infraestruturas verdes a partir de iniciativas das comunidades locais, nun caso na que as infraestruturas viarias teñen representado unha notable limitación para a mobilidade peonil e o acceso ós servizos dos ecosistemas por parte da poboación. Ver Díaz-Varela, Fernández-Villar, & Diego-Fuentes, (2021).

    [13] O carácter espacialmente estratéxico é patente xa nas propostas de planificación de corredores verdes ou «greenways» (para exemplos específicos pódense consultar p.ex. os traballos de Ahern (2002) e Jongman & Pungetti (2004), e o de Herrera & Díaz-Varela (2013) para unha referencia xenérica na base científica das redes ecolóxicas). As perspectivas actuais para as infraestruturas verdes son moi semellantes, incidindo nos aspectos de conectividade e diversidade nos seus elementos constituintes. Ver o traballo de Gradinaru & Hersperger (2018) na aplicación á planificación espacial estratéxica, e as revisións de Monteiro et al. (2020; 2022)

    [14] Non é pedir nada inusual, pero é preciso un compromiso por parte de toda a sociedade. Exemplos de cidades de referencia polas súas infraestruturas verdes como Berlín non xurden da nada. Como conta este blog, «A identidade verde de Berlin non é accidental. Precede unha longa historia de planificación urbanística». Tamén a Anella Verda de Barcelona xurde dun esforzo continuado de planificación, no que ata o antes citado Richard Forman ten presentado as súas propostas. Ver Forman, 2004.

  • Concedido o proxecto «CASTEXEN» na convocatoria «Proxectos Colaborativos Campus Terra 2022»

    [Reproducimos aquí, con algunhas edicións, a entrada inicial do blog do grupo de investigación COMPASSES, publicada noutra plataforma o •10 de outubro de 2022]

    Ven de ser concedido recentemente na convocatoria «Proxectos Colaborativos Campus Terra» o proxecto «CASTEXEN: Localización e diferenciación de castaños (Castanea sativa Mill.) enxertados con cultivares tradicionais mediante análise espazo-temporal de imaxes aéreas e xenotipado por SSR«. O proxecto, coordinado polo noso Grupo de Investigación COMPASSES, pretende, a través dunha perspectiva colaborativa e transdisciplinar, a identificación de variedades antigas de castaño co fin de mellorar o coñecemento da especie no noroeste peninsular, e analizar a súa contribución á diversidade xenética, específica e ecosistémica nos sistemas socio-ecolóxicos nos que o souto ocupou ou aínda ocupa un lugar importante.

    Pedro Álvarez, investigador do proxecto, posando nun notable exemplar de Castanea sativa Mill.

    Este obxectivo xenérico vai ser desenvolvido a través dunha serie de metas específicas, como son:

    – A localización de exemplares antigos en lugares de difícil acceso empregando sistemas de información xeográfica (SIX) e teledetección, sobre a base da comparación de ortofotografías antigas (1956-57), imaxes de satélite históricas e materiais recentes obtidos por diferentes tipos de sensores remotos;

    – A mostraxe en campo para a verificación dos datos obtidos nas análises espazo-temporais previas, a recollida de mostras para a súa análise en laboratorio, e o emprego de sistemas aéreos non tripulados (SANT) para a toma de imaxes de alta resolución dos soutos analizados;

    – A análise dendrocronolóxica para a verificación da antigüidade das árbores, e a caracterización da súa resiliencia temporal a cambios no clima, usos do solo e dinámica forestal;

    – O xenotipado en laboratorio empregando metodoloxías SSR (microsatélites) para identificar xeneticamente as variedades localizadas.

    – Finalmente, empregar toda a información anterior para o establecemento de medidas de conservación e xestión.

    Análise de localización potencial de castiñeiro a partir da comparativa de imaxes aéreas históricas

    No proxecto colaborarán membros de tres grupos de investigación diferentes, nomeadamente:

    GI2182 COMPASSES (Planificación e Xestión en Sistemas Socio-Ecolóxicos Adaptativos Complexos): Emilio Díaz Varela e Pedro Álvarez Álvarez (da Universidade de Oviedo, profesor colaborador externo do grupo, e actualmente facendo unha estadía de investigación longa na USC); responsables da coordinador do proxecto, a localización dos soutos e da súa análise estructural e funcional e da súa integración nos sistemas socio-ecolóxicos relacionados;

    GI1649-AGRONOMÍA E C. ANIMAL (Agronomía e Ciencia Animal): Santiago Pereira Lorenzo e Ana María Ramos-Cabrer, que serán os responsables do proceso de xenotipado para a identificación do material xenético correspondente ós castaños;

    GI1809-BIOAPLIC (Biodiversidade e botánica aplicada): Ramón Díaz Varela, responsable da análise espacial empregando sistemas aéreos non tripulados (SANT); e Ignacio García González, responsable da aplicación de técnicas dendrocronolóxicas para a datación dos exemplares seleccionados para a mostraxe.

    Ramón Díaz, investigador do proxecto, operando un SANT (máis coñecido como «drone»)

    Dende o proxecto CASTEXEN, considerase que as accións de localización, diferenciación e catalogación dos castiñeiros e dos soutos constitúen as actividades esenciais de cara a conservación destes sistemas de especial importancia histórica e socio-ecolóxica. Por todo elo, agardase que CASTEXEN permita a obtención de resultados que incrementen o coñecemento dende o punto de vista da conservación e preservación de recursos xenéticos, da diversidade varietal, e dun xeito xenérico da funcionalidade destes soutos e a mellora da súa capacidade de provisión de servizos ecosistémicos. Particularmente, agárdase que o traballo permita a identificación e localización de cultivares tradicionais de castaño cun alto valor tanto dende o punto da xenético como ecolóxico e cultural, e que no futuro podan ser empregados para o seu emprego na rexeneración de soutos, que actuando como elementos de infraestrutura verde no rural podan incrementar a diversidade xenética, específica e cultural nas paisaxes e a súa capacidade de provisión de servizos dos ecosistemas.

  • Tese de doutoramento …

    [Reproducimos aquí, con algunhas edicións, a entrada inicial do blog do grupo de investigación COMPASSES, publicada noutra plataforma o •11 de xullo de 2022]

    O pasado 8 de xullo de 2022, tivo lugar na Escuela Politécnica de Mieres (Universidad de Oviedo) a defensa da tese de doutoramento feita por Jose Carlos Pérez Girón titulada «Primary production indicators to analyse the relationship among species, landscapes and ecosystems in a global change context«. A tese, que tiven o pracer de co-dirixir xunto co profesor Pedro Álvarez, da mencionada institución, centrase distribución espacial da produción primaria asociados a especies tales como o castaño (Castanea sativa) e a súa sensibilidade ó cambio climático, os mecanismos adaptativos en ecosistemas nos que a sobreira (Quercus suber) e unha especie arbórea predominante (ver esta entrada do blog), ou a dependencia que especies animais como o oso parto cantábrico (Ursus arctos) pode ter con especies como o castaño ou o roble (Quecus petraea e Q. robur) en épocas de hiperfagia.

    O desenvolvemento da tese ten contado con colaboracións como a dos investigadores Domingos Mendes, da Universidade de Tras-dos-Montes e Alto Douro (UTAD), Orencio Hernández, da Dirección General del Medio Natural y Planificación Rural do Principado de Asturias, Fernando Ballesteros, da Fundación Oso Pardo, ou José V. López-Bao, do Instituto Mixto de Investigación en Biodiversidad (IMIB) da Universidad de Oviedo. No tribunal contouse coa presencia dos profesores Elías Afif-Khouri, da Universidad de Oviedo, Patricia Mateo, do IMIB, Ramón Díaz, da Universidade de Santiago de Compostela, Fernando Castedo, da Universidade de León, e Brian Tobin, da University College Dublin.

    O traballo desenvolvido ó longo do periodo de doutoramento ten dado como resultado tres artigos científicos xa publicados – dos que deixo as referencias máis abaixo, por se fosen de interese 😉

    Noraboa ó novo doutor!!!

    Pérez-Girón, J. C., Álvarez-Álvarez, P., Díaz-Varela, E. R., & Mendes Lopes, D. M. (2020). Influence of climate variations on primary production indicators and on the resilience of forest ecosystems in a future scenario of climate change: Application to sweet chestnut agroforestry systems in the Iberian Peninsula. Ecological Indicators, 113, 106199. https://doi.org/10.1016/j.ecolind.2020.106199

    Pérez-Girón, J. C., Díaz-Varela, E. R., & Álvarez-Álvarez, P. (2022). Climate-driven variations in productivity reveal adaptive strategies in Iberian cork oak agroforestry systems. Forest Ecosystems, 9, 100008. https://doi.org/10.1016/j.fecs.2022.100008

    Pérez-Girón, J. C., Díaz-Varela, E. R., Álvarez-Álvarez, P., Hernández Palacios, O., Ballesteros, F., & López-Bao, J. V. (2022). Linking landscape structure and vegetation productivity with nut consumption by the Cantabrian brown bear during hyperphagia. Science of The Total Environment, 813, 152610. https://doi.org/10.1016/j.scitotenv.2021.152610

  • Life finds a way…

    [Reproducimos aquí, con algunhas edicións, a entrada inicial do blog do grupo de investigación COMPASSES, publicada noutra plataforma o •9 de maio de 2022]

    …e unha frase xa célebre pronunciada por Ian Malcolm, persoaxe de ficción da serie de novelas do escritor Michael Crichton que comezaban pola famosísima «Jurassic Park», e que foi interpretado maxistralmente polo actor Jeff Goldblum na adaptación ó cine de dita serie. Ian dicíanos:

    Parece un rockero, pero é un científico: Ian Malcolm, avisándonos. Imaxe: Wikimedia Commons

    Ian Malcolm [1], como experto en sistemas complexos adaptativos e teoría dos sistemas dinámicos (e particularmente, da teoría do «Caos») advertía contra os efectos adversos da ilusión de control cando o ser humano leva a cabo algo sen ter en conta a capacidade de cambio e adaptación inherentes ós procesos naturais. Na trama, como soe suceder neste tipo de ficción, e en moitos casos, tamén na realidade, ignorase a opinión do científico, e sobrevén o desastre.

    Obviamente tamén na realidade, a vida abre o seu camiño. A evolución nos sistemas de planificación territorial cara ó desenvolvemento de instrumentos específicos coma os da infraestructura verde axudannos a ter esa vida perto, contribuir a súa expansión, beneficiarnos dela, pero son os procesos naturais os que a fan perdurar e abrirse camiño…

    So fai falla deterse non pequenos detalles – como o pequeno Asplenium adiantum-nigrum da imaxe inferior, abrindose camiño nunha escaleira da Escola Politécnica Superior de Enxeñaria, en Lugo, e que nos fixo reflexionar ó respecto…

    Life finds a way na forma dun Asplenium…

    Ninguén planificou que estivera, pero ahí o tes: contribúe á biodiversidade no Campus, reverdece o aspecto do formigón… e supón un reto para o mantemento das instalacións.

    A estratexia de infraestrutura verde da unión europea define á mesma como «…unha rede de áreas naturais e seminaturais con outros elementos ambientais estratéxicamente planificada, deseñada e xestionada para proporcionar un amplo rango de servizos dos ecosistemas«. Se queremos extender esta capacidade das infraestruturas verdes ó cotián, ó próximo, debemos pararnos a pensar qué require a planificación estratéxica, o deseño e a xestión para integrar eses procesos espontáneos, e a capacidade adaptativa dos sistemas vivos. Dende o xeral ó particular, pode que a xestión de escaleiras de emerxencia deba considerar como a vida as poda colonizar sen que perdan a súa función… Xa que o deseño inicial non o fixo!

    [1] Hai unha anécdota interesante que contaba Melanie Mitchell, do Santa Fe Institute (un dos centros de referencia a nivel mundial sobre ciencias da complexidade na realidade, e lugar de traballode Ian Malcolm na ficción) nun dos seus cursos con respecto á personaxe de Ian Malcolm. Ante o interese que despertara este persoaxe coa publicación dos libros, houbo quen se dirixiu ó propio Instituto pedindo as súas referencias bibliográficas… Os postdoc do instituto non tardaron en facer unha páxina web de Malcolm, incluíndoo entre a plantilla de profesores… ata que o comité de dirección correspondente lles fixera retirala por «pouco profesional»!

  • Desafíos e… solucións! para a provisión sostible de servizos ecosistémicos forestais en Europa

    [Reproducimos aquí, con algunhas edicións, a entrada inicial do blog do grupo de investigación COMPASSES, publicada noutra plataforma o •23 mar 2022]

    O marco de políticas territoriais e do medio rural dentro da UE tales coma o New Green Deal e a Estratexia Forestal ofrecen unha oportunidade única de servir como catalizadores para resolver os desafíos que dificultan o abastecemento sostible de servizos ecosistémicos forestais. Así se afirma no artigo recentemente publicado en Sustainability Science no que temos colaborado cun excelente grupo disciplinar, liderado por Mario Torralba e Mónica Hernández-Morcillo. Nel móstrase o resultado da procura dos retos máis urxentes en todas as áreas de sustentabilidade, ofrecendo ademáis un conxunto de solucións prioritarias para cada un dos desafíos atopados.

    Sete camiños estratéxicos para a provisión sostible de servizos ecosistémicos forestais en Europa (Hernández-Morcillo et al., 2022- Sustainability Science)

    As conclusións do estudio apuntan a que, do mesmo xeito que os obstáculos avaliados inflúen mutuamente, as solucións estratéxicas pódense utilizar de forma sinerxética. Porén, un cambio de paradigma é preciso para integrar valores pluralistas dos bosques dun xeito máis equilibrado, de forma que sustente o resto das solucións estratéxicas. Ademáis, a priorización do aumento da resiliencia dos bosques mediante enfoques integrados da paisaxe seguido de estratexias que promovan procesos de decisión coordinados, inclusivos e transparentes sería necesaria. As seguintes estratexias centraríanse en permitir que as condicións biofísicas do bosque apoien o abastecemento equilibrado de servizos ecosistémicos forestais, ao tempo que reforzan o tecido social da gobernanza forestal para facelo máis cohesionado. Finalmente, os mecanismos baseados en incentivos poderían, dependendo do contexto local, promover unha xestión que reforce a oferta sustentable de múltiples servizos de ecosistemas por parte dos bosques e áreas forestais. Podedes acceder ó artigo, publicado en aberto, a través desta ligazón.

  • Presentan as sobreiras (Quercus suber) capacidade adaptativa ante as variacións climáticas?

    [Reproducimos aquí, con algunhas edicións, a entrada inicial do blog do grupo de investigación COMPASSES, publicada noutra plataforma o •17 mar 2022]

    No artigo recentemente publicado no journal «Forest Ecosystems«, liderado polo noso colaborador externo Jose Carlos Pérez Girón, móstrase como nos sistemas agroforestais de sobreiras (Quercus suber) pódense atopar respostas ás variacións climáticas aos indicadores de produción primaria nas diferentes densidades, que suxiren que a cobertura da copa e, polo tanto, a densidade das árbores xogan un papel fundamental na capacidade de adaptación a condicións climáticas diversas.

    Exemplar de sobreira típicamente xestionado para a produción de cortiza en Portugal. Imaxe de Miguel Porto, en flora-on.pt (CC BY-NC 4.0)

    Así, os ecosistemas forestais pechados poden manter condicións microclimáticas que os fan menos dependentes das condicións ambientais, mentres que as parcelas de sistemas agroforestais máis abertos (é dicir, con densidades máis baixas) dependen das condicións macroclimáticas. Polo tanto, dentro dun mesmo ecosistema, a resposta ao cambio climático pode variar dependendo da densidade das árbores.

    Este tipo de achádegos son de importancia fundamental para ter en conta a estrutura e dinámica dos ecosistemas forestais na adaptación ó cambio climático.

    Accede á nosa sección de «Publicacións» para máis información sobre este e outros artigos da nosa rede.

  • COMPASSES: Á procura dunha nova visión sobre a sociedade e o territorio

    [Reproducimos aquí, con algunhas edicións, a entrada inicial do blog do grupo de investigación COMPASSES, publicada noutra plataforma o •4 mar 2022]

    Reconducimos a outra plataforma, e en certa forma, inauguramos unha nova páxina para o Grupo de Investigación GI2182 «Planificación e Xestión en Sistemas Socio-Ecolóxicos Adaptativos Complexos (COMPASSES)». COMPASSES comezou a súa andaina o ano 2021, xurdindo dunha inquedanza: a de intentar centrar o esforzo investigador na comprensión da complexidade e dinámica das relacións entre os compoñentes de territorios, sociedades e organizacións, como base para a mellora no desenvolvemento futuro das mesmas.

    Logo de múltiples anos de traballo no ámbito dos proxectos e a planificación (sobre todo en espazos rurais, pero tamén noutros ámbitos), segue a sorprender a frecuencia coa que se chega a unha reflexión final: a de que pese ás evidencias [1] de que os territorios e paisaxes emerxen de interaccións complexas establecidas entre elementos moi diversos, rara vez o recoñecemento desta complexidade trascende o eido científico para afectar, dunha ou outra maneira, á práctica da planificación ou xestión nas súas diferentes formas.

    Lonxe da nosa intención extendernos nesta entrada de blog as razóns para esta falta de conexión (e tampouco as sabemos todas 😉 , pero adiantaremos aquí unha serie de reflexións, xa que están entre as que se poden atopar no fundamento da posta en marcha de COMPASSES.

    A primeira consideración a facer tería que ver con esa característica dos territorios e paisaxes coma resultado de interacións complexas entre elementos múltiples e diversos. Se os vemos dende este prisma, podemos denominalos dende un punto de vista científico coma sistemas complexos adaptativos, ou abreviando polo seu acrónimo en inglés (complex adaptive systems), coma»CAS«. Os CAS serían así sistemas compostos habitualmente por un número elevado e diverso de elementos constituíntes (en ocasións denominados ‘axentes’), que interactúan entre eles e que teñen a capacidade de aprender ou adaptarse en resposta ás devanditas interaccións [2]. Exemplos habituais de CAS son o clima, os organismos vivos, os ecosistemas, os sistemas e redes sociais, os mercados, as organizacións… e os territorios. Vaia, que CAS é cas-e todo! (Non se preocupe o/a lector/a: logo matizamos).

    Dúas cuestións relativas ós CAS interésannos para o tema que nos ocupa: a primeira, que a consecuencia de cómo están compostos e cómo interactúan os seus compoñentes, os CAS mostran características como a capacidade adaptativa e evolutiva (son entes dinámicos), a organización xerárquica (que moitas veces aparece como auto-organización sen un ente coordinador central), ou a emerxencia de resultados globais non predicibles a partir do comportamento dos seus elementos constituíntes (pensade por exemplo nunha bandada de paxaros ou peixes fuxindo dun depredador – ver o vídeo máis abaixo). A segunda que, pese a amplitude de ámbitos dende os que se teñen abordado os sistemas adaptativos (p.ex. teñense recoñecido na bioloxía, a cultura, a civilización ou a tecnoloxía), existen regras e regularidades que poden ser expresadas nunha linguaxe científica común. Estas cuestións son importantes ó afrontar a planificación e a xestión; de non facelo, por unha parte caeríamos en considerar aquelo que planificamos coma un ente fixo, ignorar a forma na que se organiza no espazo e no tempo, ou intentar tomar a parte polo todo, todas elas razóns de estrepitosos fracasos en procesos de planificación. Por outra, non nos decataríamos de que o que comprendemos dos diversos CAS pode, por analoxía, axudarnos a entender mellor o problema de aquel sistema co que estamos traballando.

    Un exemplo típico ligado á emerxencia característica nos CAS: estorniños (Sturnius unicolor) fuxen dunha ave de presa mediante estratexias de cohesión sen unha coordinación central. Evolucións similares poden darse en bancos de peixes, e en masas furibundas no primeiro día das rebaixas. Fonte: National Geographic.

    Por outra parte, podemos considerar os «CAS» cos que estamos a tratar (territorios, paisaxes e incluso as organizacións e comunidades de persoas que neles se desenvolven) coma Sistemas Socio-Ecolóxicos (ou «SES«, do inglés «social-ecological systems»). Estes serían un tipo especial de CAS (ou unha forma específica de velos) no que a interdependencia entre as persoas e sociedades (considerando os seus diferentes aspectos sociais, económicos ou culturais) e o medio biofísico no que se desenvolven (nos seus diferentes niveis, elementos e relacións) é un elemento fundamental para o seu coñecemento e interpretación. Dependendo do propio sistema, esta interdependencia pode presentar diferentes niveis de proximidade física entre sociedades e medio, o cal xunto con outros factores modula as percepcións que persoas, organizacións e sociedades teñen sobre a mesma. Moitas aproximacións á xestión e á planificación (incluso aquelas cunha mellor intención de cara ó desenvolvemento sostible) téñense fundamentado en visións que dividen de forma artificial sociedade e natureza; en cambio na visión dos SES, a primeira é unha parte de (e non un «aparte» de [3]) a segunda. Pasar por alto a interdependencia entre as compoñentes do sistema é unha forma habitual de ignorar a súa complexidade. As consecuencias desta ignorancia serían múltiples (e tamén complexas), pero poderíamos citar exemplos coma considerar os recursos naturais como inesgotables, pasar por alto a relación entre o bon estado dos ecosistemas e o benestar das sociedades, ou valorar o que obtemos do ambiente só en termos monetarios ou materiais.

    Incauto mirando unha paisaxe sen decatarse de que está percibindo un sistema adaptativo complexo manifestándose como un sistema socio-ecolóxico. Imaxe: Pexels.com / Pixabay.com

    Finalmente (e dunha forma máis particular) os SES, no seu aspecto social, poden estar representados por múltiples persoas, institucións e organizacións cunha grande diversidade nas visións sobre dous elementos que son básicos na procura de solucións ós problemas que percibe: os fins (é dicir, o «por que» de facer algo) e os medios (o «como»). O nivel de acordo nos fins e de coñecemento dos medios existente na sociedade pode condicionar, como nos lembran as teorías de xestión organizacional [4] tanto o nivel de comprensión do problema en sí mesmo coma o de adecuación da resposta elixida. Aínda así, boa parte das tendencias «clásicas» en planificación e xestión tenden a un tratamento simplista de ambalas dúas variables, considerando como hipótese inicial de partida que existe acordo nos fins (todo o mundo está de acordo no problema a solucionar) e coñecemento nos medios (todo o mundo sabe como facelo). Na mesma lóxica das reflexións anteriores, cáese nestes casos en ignorar a diversidade de opinións (por exemplo nos procesos de participación pública cando non se consideran visións diverxentes), ou asumir que as solucións adoptadas de forma desacoplada ó funcionamento do sistema son suficientes (exemplos recentes nas crises climáticas e do COVID-19 proporcionan numerosos exemplos ó respecto). A consecuencia final é a intratabilidade dos problemas abordados.

    Equipo de planificación tratando de aparentar calma mentras intentan abarcar a diversidade de visións sobre medios e fins por parte da sociedade. Imaxe de Fox en Pexels.com

    Evidentemente, poderíamos facer moitas máis reflexións de por qué en planificación e xestión se trata o complexo como se fose simple (e pode que o fagamos en futuras publicacións). Nesta primeira entrada só pretendemos plasmar unha pequena parte da visión inicial coa que, dende a rede de investigadores que nos coordinamos a través de COMPASSES, queremos abordar un tema que consideramos tan fascinante coma necesario: o de tentar comprender mellor cómo son, funcionan e cambian co tempo os territorios, sociedades e organizacións, para poder garantir un mellor futuro para eles sendo imaxinativos e innovadores na súa planificación e xestión.


    Referencias:

    [1] Resulta complicado facer unha relación equilibrada, moito menos completa, ou mesmo xusta das referencias ó respecto na literatura científica, pero deixándonos levar por preferencias case persoais, poderíamos mencionar o prolífico traballo de Zev Naveh (seleccionando por exemplo, Naveh, 2004) na disciplina da ecoloxía da paisaxe, ou simplemente como resultado dunha procura rápida, as publicacións de Ryan et al., 2007, Plieninger & Bieling, 2012, ou Newman et al., 2019.

    [2] Unha vez máis, complicado dirixir a fontes externas pola súa diversidade e abundancia. Pero podería recomendar por exemplo Levin, 1998, Miller and Page, 2009 ou os máis divulgativos Axelrod & Cohen, 2008 ou Holland, 2014.

    [3] Un bonito xogo de palabras de Berkes, F., & C. Folke (1998)

    [3] Unha cita coñecida sería a de Stacey 1996, pero polo tratamento extenso do concepto no relativo ó enfoque dos problemas, pode ser interesante incluir tamén a Hoppe, 2015. Sen limitarnos pola teoría organizacional, as de planificación tamén refiren o concepto. Ver p.ex. o clásico Alexander, 1992.